Matteo Ricci , a enciclopedia libre
Matteo Ricci (en latín: Matthaeus Riccius), coñecido na China como Li Madou (en chinés tradicional: 利瑪竇; en pinyin: Lì Mǎdòu), nado en Macerata o 6 de outubro de 1552 e finado en Beijing o 11 de maio de 1610, foi un misioneiro católico xesuíta, creador da primeira romanización da lingua chinesa e pioneiro da misión xesuíta na China. Creou o Kunyu wanguo quantu (1602), un mapamundi escrito en caracteres chineses. En 2022, a Santa Sé concedeulle o título de Venerable en recoñecemento das súas virtudes heroicas.[1]
![]() ![]() | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 6 de outubro de 1552 ![]() Macerata (Estados Pontificios) ![]() |
Morte | 11 de maio de 1610 ![]() Pequín (Dinastía Ming) ![]() |
Lugar de sepultura | cemiterio de Zhalan 39°55′49″N 116°20′24″L / 39.930161, 116.3399 ![]() |
Relixión | Catolicismo ![]() |
Educación | Colexio Romano (1569–1577) Universidade de Roma La Sapienza - dereito (1568–1569) Colexio Xesuíta de Macerata (1561–1568) ![]() |
Actividade | |
Lugar de traballo | Colexio de San Paulo de Goa (1578–1582) Coímbra (1577–1578) ![]() |
Ocupación | explorador, presbítero, matemático, misioneiro, cartógrafo, tradutor, sinólogo ![]() |
Período de tempo | Dinastía Ming ![]() |
Orde relixiosa | Compañía de Xesús ![]() |
Enaltecemento | |
| |
Día de festividade relixiosa | 11 de maio ![]() |
Obra | |
Obras destacables
| |
Descrito pola fonte | Nordisk familjebok Biblioteca dixital BEIC Obálky knih, ![]() ![]() |
![]() ![]() ![]() ![]() |
Ricci chegou ao asentamento portugués de Macau en 1582, onde comezou o seu labor misioneiro. Chegou a dominar o chinés e mais o seu sistema de escrita. Foi o primeiro europeo en acceder á Cidade Prohibida en 1601, por invitación do emperador Wanli, quen procurou os seus servizos en astronomía e o seu saber sobre os calendarios. Ricci analizou os paralelismos entre o catolicismo e o confucianismo, opoñéndose ao budismo. Ademais, converteu ao catolicismo a varios funcionarios chineses de importancia. Tamén colaborou con membros da elite chinesa, como Xu Guangqi, na tradución dos Elementos de Euclides ao chinés e dos clásicos confucianos ao latín.
Traxectoria
editarPrimeiros anos
editarMatteo Ricci naceu o 6 de outubro de 1552 en Macerata, nos Estados Pontificios (na actualidade, pertence á rexión italiana de Marche). Estudou os clásicos na súa vila natal, e logo viaxou a Roma, onde cursou Dereito durante dous anos. En abril de 1571, ingresou na Sociedade de Xesús do Colexio Romano. Alí, ademais de Filosofía e Teoloxía, profundou nas Matemáticas, a Cosmoloxía e a Astronomía baixo a dirección de Christophorus Clavius. En 1577, solicitou partir na expedición misioneira cara o leste asiático. Saíu de Lisboa en marzo de 1578 e chegou a Goa, unha colonia portuguesa, en setembro. Ricci exerceu a docencia e o ministerio até finais da Coresma de 1582, cando lle ordenaron trasladarse a Macau para introducirse na China. Ricci chegou a Macau a comezos de agosto.[2]
Ricci na China
editarEn agosto de 1582, Ricci chegou a Macau, un porto comercial portugués no mar da China Meridional.[3] Naquela época, a actividade misioneira católica na China limitábase a este territorio, onde algúns dos locais se converteran á nova relixión. Tres anos antes, Michele Ruggieri, asentado na India Portuguesa, fora invitado polo fundador do Colexio de San Paulo de Macau, Alessandro Valignano, co expreso propósito de estudar chinés e preparar unha futura delegación xesuíta na China continental.[4]
Ao chegar a Macau, Ricci principiou os seus estudos da lingua e os costumes chineses. Foi o comezo dun longo proxecto que o convertería no primeiro erudito occidental en dominar os sinogramas e o chinés clásico. Con Ruggieri, viaxou até as principais cidades de Guangdong, como Guangzhou e Zhaoqing (naquel momento, residencia do vicerrei de Guangdong e Guangxi), coa intención de establecer unha misión xesuíta permanente fóra de Macau.[2]
En 1583, Ricci e Ruggieri asentáronse en Zhaoqing a invitación do seu gobernador, Wang Pan, quen escoitara falar da habilidade de Ricci para as matemáticas e a cartografía. Nesta localidade, en 1584, Ricci creou o primeiro mapamundi ao estilo europeo en lingua chinesa, o Da ying quan tu (en chinés tradicional: 大瀛全圖; lit. "Mapa completo do gran mundo").[5] Non se conservan impresións desta obra, mais si do seu Kunyu wanguo quantu (1602), unha versión posterior e expandida que sobreviviu en versións de papel de arroz.
Pénsase que, durante a súa estancia en Zhaoqing, Ricci e Ruggieri compilaron un dicionario portugués-chinés, o primeiro a unha lingua europea, para o cal desenvolveron un sistema de transcrición do chinés ao alfabeto latino. O manuscrito perdeuse nos arquivos xesuítas de Roma até que foi redescuberto en 1934, mais só se publicou en 2001.[6] Na actualidade, hai unha placa en Zhaoqing conmemorando os seis anos nos que Ricci permaneceu na cidade, así como un Centro Memorial Ricci, situado nun edificio da década de 1860.
Notas
editar- ↑ Santa Sé 2022.
- ↑ 2,0 2,1 Brucker 1912.
- ↑ Simpson 2023, p. 79.
- ↑ Ricci 1953, pp. 131-137.
- ↑ Tang & Zhou 2015, pp. 294-315.
- ↑ Camus 2007.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Brucker, Joseph (1912). "Matteo Ricci". En Herbermann, Charles. Catholic Encyclopedia (en inglés). Robert Appleton Company.
- Camus, Yves (2007). Jesuit's Journeys in Chinese Studies (PDF) (en inglés). Instituto Ricci de Macau. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24/09/2015.
- Ricci, Matteo (1953). China in the Sixteenth Century: The Journals of Matthew Ricci, 1583-1610 (en inglés). Random House.
- Santa Sé (2022). "Promulgazione di Decreti del Dicastero delle Cause dei Santi, 17.12.2022". Sala Stampa della Santa Sede - Bollettino (en italiano).
- Simpson, Tim (2023). Betting on Macau: Casino Capitalism and China's Consumer Revolution (en inglés). University of Minnesota Press. ISBN 978-1-5179-0031-1.
- Tang, Kaijian; Zhou, Xiaolei (2015). "Four Issues in the Dissemination of Matteo Ricci's World Map during the Ming Dynasty". Studies in the History of Natural Sciences (en inglés) 34 (3).