Maurice Colaert , a enciclopedia libre
Maurice Colaert, nado en Bruxelas o 15 de xullo de 1915 e finado en Anderlecht o 1 de febreiro de 2006, foi un avogado e numismático belga que presidiu a Sociedade Real de Numismática de Bélxica entre 1982 e 1988.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 15 de xullo de 1915 Bruxelas, Bélxica. |
Morte | 1 de febreiro de 2006 (90 anos) Anderlecht , Bruxelas Capital, Bélxica. |
Cargos | |
Presidente da Sociedade Real de Numismática de Bélxica | |
Período | 1982 – 1988 |
Antecesor | Paul de Baeck |
Sucesor | Tony Hackens |
Presidente da Alianza Numismática Europea | |
Período | 1982 – 1993 |
Presidente da Academia Real de Arqueoloxía de Bélxica | |
Período | 1995 – 1996 |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | ![]() |
Actividade | |
Campo de traballo | Numismática. |
Ocupación | avogado, numismático ![]() |
Membro de | Sociedade Real de Numismática de Bélxica. Academia Real de Arqueoloxía de Bélxica. Federación Internacional da Medalla de Arte. Numismates de Bruxelles. Alianza Numismática Europea. Círculo de Estudos Numismáticos. Promoción da Medalla. |
Traxectoria
editarMaurice Colaert naceu en 1915 en Bruxelas,[1] fillo do arquitecto que deseñou o Palacio de Xustiza da cidade.[2]
Carreira como avogado
editarCursou estudos universitarios de Dereito e, logo de ser admitido en 1937 no Colexio de Avogados de Bruxelas, desenvolveu a súa carreira profesional no ámbito da avogacía, especializándose no sector dos seguros.[1] En 1938 publicou o seu primeiro artigo técnico xurídico, acerca das primas de seguros, e durante anos seguiu coas súas publicacións neste ámbito, en revistas especializadas como Belgique Judiciaire e Annales des Sciences Commerciales et Économiques.[2]
Colaert foi oficial das Forzas Armadas na reserva, e participou na campaña de maio de 1940.[3]
Dedicación á numismática
editarParalelamente á súa dedicación profesional, Maurice Colaert dedicouse ao estudo da numismática, sinaladamente, a partir da década de 1960. A súa traxectoria como numismático é indisociable da súa vinculación coa Sociedade Real de Numismática de Bélxica (SRNB), na que ingresou como membro correspondente o 18 de marzo de 1962, da man do profesor Paul Naster, e pasou a ser membro de número en 1968. En 1976 foi elixido tesoureiro desta entidade, en 1981 vicepresidente e en 1982 presidente, cargo que ocupou ata 1988. En recoñecemento á súa dedicación á Sociedade, ese mesmo ano foi nomeado presidente honorario,[2][3] e o 16 de xaneiro de 1993 recibiu a medalla Vermeil polos seus servizos prestados.[4] Do mesmo xeito, exerceu a dirección da revista da entidade, a Revue de numismatique et sigillographie, ata 1991, e tamén formou parte do comité organizador do XI Congreso Internacional de Numismática, que tivo lugar en Bruxelas en setembro dese ano.[2]
Outra entidade salientable na traxectoria académica de Colaert foi a Academia Real de Arqueoloxía de Bélxica, da que foi membro desde 1983. Nela ocupou os cargos de tesoureiro (1986-1993), vicepresidente (1993-1995) e presidente (1995-1996),[1][3] e durante a súa presidencia dirixiu tamén a publicación periódica Revue Belge d'Archéologie et d'Histoire de l'Art.[5]
Ademais da SRNB, Colaert foi un membro activo doutras diversas entidades e sociedades eruditas. Pertenceu á Federación Internacional da Medalla de Arte (FIDEM), e participou en varios congresos internacionais organizados por ela.[3] Foi vicepresidente (1962), presidente (1964-1980) e presidente de honra (1980) da asociación Numismates de Bruxelles; vicepresidente (1965-1982), presidente (1982-1993) e presidente de honra (1993) da Alianza Numismática Europea; membro fundador (1964), presidente (1968-1972) e presidente de honra (2000) do Círculo de Estudos Numismáticos, e cofundador da asociación Promoción da Medalla (1986).[1] No ámbito editorial, participou na fundación das revistas Jeunesses numismaliques (1966)[3] e La Vie Numismatique (1973).[2]
Os focos de interese das investigacións e das publicacións de Colaert en materia numismática foron variados, aínda que case sempre circunscritos á moeda dos séculos XIX e XX, e na súa derradeira etapa centrouse sinaladamente nas medallas. Durante moitos anos foi responsable da sección numismática dos anais bibliográficos sobre a historia da arte belga publicados pola Academia Real de Arqueoloxía de Bélxica.[5]
Colaert foi asesor da Casa da Moeda Real de Bélxica para a reorganización do seu museo entre os anos 1978 e 1979, e posteriormente en diversas ocasións para proxectos de novas emisións monetarias,[1][3] nas décadas de 1980 e de 1990.[5]
Maurice Colaert finou o 1 de febreiro de 2006, aos 90 anos,[1] no hospital Erasme de Anderlecht.[2]
Publicacións
editarMaurice Colaert foi un autor prolífico, con artigos e colaboracións en diversas revistas especializadas en numismática, sinaladamente naquelas editadas coas entidades coas que tivo algunha vinculación: Bulletin de l'Alliance Numismatique Européenne (BANE), Jeunesses Numismatiques (JN), La Vie Numismatique (VN), Tijdschrift voor Numismatiek (TN), Bulletin du Cercle d'Études Numismatiques (BCEN), Revue Belge d'Archéologie et d'Histoire de l'Art (RBAHA) e Revue Belge de Numismatique et de Sigillographie (RBN).[6] Esta é unha escolma dalgúns dos seus traballos máis representativos:
Monografía
editar- (2001). Monnaies obsidionales frappées à Anvers en 1814 au nom de Napoléon et de Louis XVIII. Cercle d'études numismatiques, Bruxelas.
Escolma de artigos
editar- (1976). "Un trésor de monnaies d’or du XVIe siècle trouvé à Malines". En Revue Belge de Numismatique et de Sigillographie. 122. Páxinas 153-165.
- (1977). "La piece belge d'un franc frapée en Grande-Bretagne pendant la prmiere guerre mondiale". En La vie numismatique. Nº 4. 110-118.
- (1980). "À propos de la frappe et de la circulation des pièces de cinq francs de Léopold Ier". En Revue Belge de Numismatique et de Sigillographie. 126. Páxinas 159-204.
- (1988). "Le dépôt monétaire du voûtement de la Senne à Bruxelles et les premières frappes de la pièce de 5 francs de Léopold II". En Revue Belge de Numismatique et de Sigillographie. 134. Páxinas 142-151.
- (1991). "A travers cent cinquante années d’histoire de la Société Royale de Numismatique de Belgique". En Revue Belge de Numismatique et de Sigillographie. 137. Páxinas II-XL.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Smolderen, L. (2006).
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Van Laere, R. (2006). Páxina 241.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Dupont, M. L. (2005). Páxina 4.
- ↑ Van Laere, R. (2006). Páxinas 241-242.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Van Laere, R. (2006). Páxina 242.
- ↑ Van Laere, R. (2006). Páxinas 242-244.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Dupont, M. L. (2005). "In Memoriam: Hommage à Maurice Colaert T (15-07-1915/1-02-2006)". En Flash. 2-25. Promotie van de medaille. Páxinas 4-5.
- Smolderen, L. (2006). "In Memoriam: Maurice Colaert (1915-2006)". En Revue belge d'archéologie et d'historire de l'art. 75. Páxina 189.
- Van Laere, R. (2006). "Maurice Colaert (1915-2006)". En Revue belge de numismatique et de sigillographie. 152. Páxinas 241-244.
Predecesor: Paul de Baeck | Presidente da Sociedade Real de Numismática de Bélxica 1982 - 1988 | Sucesor: Tony Hackens |