Pierre Cockshaw , a enciclopedia libre

Pierre Cockshaw, nado en Berchem-Sainte-Agathe, Bruxelas, o 21 de decembro de 1938, e finado en Forest, Bruxelas, o 15 de marzo de 2008, foi un historiador, numismático e paleógrafo belga especializado nos Países Baixos borgoñóns e nos escritos dos duques de Borgoña.

Modelo:BiografíaPierre Cockshaw
Biografía
NacementoPierre Paul Cockshaw
21 de decembro de 1938
Berchem-Sainte-Agathe, Bruxelas, Bélxica.
Morte15 de marzo 2008 (69 anos)
Forest, Bruxelas, Bélxica.
Cargos
Presidente da
Sociedade Real de Numismática de Bélxica
Período1999 – 2005
AntecesorHubert Frère
SucesorRaf van Laere
Conservador xefe da
Biblioteca Real de Bélxica
Período1992 – 2002
Presidente do
Círculo de Estudos Numismáticos
Período1972 – 1973
Datos persoais
País de nacionalidadeBélxica Belga.
EducaciónUniversidade Libre de Bruxelas.
Tese académicaLa chancellerie de Flandre-Bourgogne sous les ducs de Bourgogne de la maison de Valois (1975).
Actividade
Campo de traballoHistoriografía, numismática, paleografía.
Ocupaciónfilólogo, lingüista, historiador Editar o valor en Wikidata
EmpregadorBiblioteca Real de Bélxica.
Membro de
Sociedade Real de Numismática de Bélxica.
Academia Real de Bélxica.
Academia Real de Arqueoloxía de Bélxica.
Comité Internacional de Paleografía.
Premios
Cabaleiro da Lexión de Honra.

Entre outros cargos, foi presidente da Sociedade Real de Numismática de Bélxica e conservador xefe da Biblioteca Real de Bélxica.

Traxectoria

editar

Primeiros anos e formación

editar

Cockshaw naceu en 1938 no Hospital Francés de Berchem-Sainte-Agathe, na rexión de Bruxelas,[1] e medrou marcado pola morte na segunda guerra mundial do seu pai, tipógrafo de profesión, cando el era pequeno, polo que foi criado unicamente pola súa nai, en Anderlecht, cidade próxima na que residiu case toda a súa vida.[2][3]

Despois de cursar o bacharelato no Ateneo Real de Bruxelas cursou os estudos superiores de Filoloxía Románica na Universidade Libre de Bruxelas, dos que se graduou en 1961, cunha memoria dirixida por Albert Henry titulada Chronique de France et de Flandre (XVe siècle) (Crónica de Francia e Flandres —século XV—").[2][3]

Logo completou os seus estudos na mesma universidade cunha licenciatura en Historia en 1964, cun novo traballo sobre temática borgoñoa: Les secrétaires de la chancellerie de Flandre-Bourgogne sous Philippe le Bon ("Os secretarios da chancelaría de Flandres e Borgoña baixo Filipe o Bo).[4][5]

Non foi ata 1975 cando acadou o seu doutoramento, cunha tese titulada La chancellerie de Flandre-Bourgogne sous les ducs de Bourgogne de la maison de Valois (1384-1477) ("A chancelaría de Flandres-Borgoña baixo os duques de Borgoña da Casa de Valois1384-1477—)".[5][6][7]

Carreira académica e profesional

editar

A súa precaria condición económica obrigouno a comezar a traballar inmediatamente despois da súa primeira licenciatura, inicialmente como profesor de ensino secundario (1961-1962), mais de camiño ingresou no Centro Nacional de Arqueoloxía e de Historia do Libro, onde traballou ata que en 1964 foi chamado a cumprir o servizo militar.[5][7]

De volta á vida civil, en 1965 acadou unha bolsa do Fondo Nacional da Investigación Científica para continuar coas súas investigacións iniciadas na súa época universitaria, e o 1 de novembro de 1967 ingresou como axudante no Gabinete de Medallas da Biblioteca Real de Bélxica,[8] onde permaneceu ata 1972, cando pasou ao Gabinete de Manuscritos desa mesma institución.[9] Durante 25 anos estivo vinculado á Biblioteca Real de Bélxica, desempeñando sucesivamente os cargos de primeiro axudante (1975) e de xefe do Departamento de Gabinetes Museolóxicos (1986), ata que o 1 de xullo de 1992 Cockshaw foi nomeado conservador xefe (director) da institución.[5] Ocupou este cargo ata a súa xubilación o 31 de decembro de 2002.[10]

Durante a súa etapa no Gabinete de Medallas, Cockshau ingresara no Círculo de Estudos Numismáticos, do que chegou a ser o presidente entre 1972 e 1973.[5][11][12] No seu órgano de expresión Bulletin du Cercle publicou 13 estudos sobre numismática entre 1968 e 1991.[13]

En 1972 ingresou tamén como membro correspondente na Sociedade Real de Numismática de Bélxica, e en 1976 pasou a ser membro de número. Cockshau mantivo unha forte vinculación co esta entidade. Aínda que non publicou moitos artigos na súa revista, Revue belge de numismatique, si que foi frecuente a súa participación nos relatorios peródicos organizados pola Sociedade. A finais de marzo de 1999, foi nomeado como novo presidente sen ter exercido anteriormente outros cargos, nun momento pouco doado para a entidade por mor do recente falecemento do seu vicepresidente, Tony Hackens, en 1997, e do presidente, Hubert Frère, en marzo de 1999. Mantívose á fronte da Sociedade ata 2005, ao expirar dous períodos na presidencia.[5][14]

En 1976 foi nomeado redactor xefe do Bulletin Codicologique e en 1977 entrou a formar parte do consello de administración da revista Scriptorium ambos publicados polo Centro Internacional de Codicoloxía.[14][15]

En 1981, Pierre Cockshau accedeu ao posto de profesor de Historia da Moeda na Universidade Libre de Bruxelas, que ficara vacante logo do falecemento do seu anterior titular, o numismático británico Philip Grierson.[14] Mantivo a docencia nesta universidade durante dúas décadas, máis tarde tamén como profesor de Historia da Iluminación e Textos Franceses da Idade Media.[15][16]

A Academia Real de Arqueoloxía nomeou a Cockshaw membro correspondente en 1987 e membro de número en 1991. Pola súa banda, a Academia Real de Bélxica nomeouno membro correspondente en 1993 e membro de número en 1999. Tamén foi galardoado coa concesión do título de cabaleiro da Lexión de Honra.[17][18]

Desde 1993, foi membro do Comité Internacional de Paleografía.[15][16] En 1998 entrou a formar parte do grupo de traballo que se acababa de constituír para asegurar a participación belga da obra monumental Monumenta palaelographica Medii Aevi, grupo do que asumiu a presidencia en 2002.[19]

Pierre Cockshaw finou en Forest, Bruxelas, o 15 de marzo de 2008, aos 69 anos,[2][3][20] logo dunha hospitalización de 15 días, e o seu corpo foi incinerado no crematorio de Uccle, Bruxelas.[21]

Publicacións

editar

Pierre Cockshaw foi un prolífico autor, con máis dun cento de publicacións, entre traballos monográficos, colaboracións en obras colectivas, limiares e artigos publicados en diferentes revistas especializadas nos seus temas de interese. Estas son só algunhas das máis representativas:[22][23][24]

Monografías

editar
  • (1982). Le personnel de la chancellerie de Bourgogne-Flandre sous les ducs de Bourgogne de la maison de Valois (1384-1477). Anciens Pays et Assemblées d’États, volume 79. Kortrijk-Heule [tese de doutoramento].
  • (1996). L'ordre de la Toison d'or: de Philippe le Bon à Philippe le Beau, 1430-1505 : idéal ou reflet d'une société?. Bibliothèque royale de Belgique, Bruxelas. ISBN 9782503505350
  • (2006). Prosopographie des secrétaires de la cour de Bourgogne (1384-1477). Thorbecke, París. ISBN 978-3799579162

Escolma de artigos

editar
  1. Duvosquel, J. M. (2009). Páxina 125.
  2. 2,0 2,1 2,2 Debusscher, G.; Callataÿ, F. (2010). Páxina 27.
  3. 3,0 3,1 3,2 Debusscher, G.; Callataÿ, F. (2016). Páxina 54.
  4. Debusscher, G.; Callataÿ, F. (2010). Páxinas 27-29.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Debusscher, G.; Callataÿ, F. (2016). Páxina 55.
  6. "La chancellerie de Flandre-Bourgogne sous les ducs de Bourgogne de la maison de Valois, 1384-1477". Université libre de Bruxelles (ULB.be).
  7. 7,0 7,1 Debusscher, G.; Callataÿ, F. (2010). Páxina 29.
  8. Debusscher, G.; Callataÿ, F. (2010). Páxinas 29, 36.
  9. Debusscher, G.; Callataÿ, F. (2010). Páxinas 31, 37.
  10. Debusscher, G.; Callataÿ, F. (2010). Páxinas 32, 36-39.
  11. Bar, M. (2008).
  12. Bar, M. (2008).
  13. Debusscher, G.; Callataÿ, F. (2010). Páxinas 33-34.
  14. 14,0 14,1 14,2 Debusscher, G.; Callataÿ, F. (2010). Páxina 34.
  15. 15,0 15,1 15,2 Debusscher, G.; Callataÿ, F. (2016). Páxina 56.
  16. 16,0 16,1 Debusscher, G.; Callataÿ, F. (2010). Páxina 35.
  17. Debusscher, G.; Callataÿ, F. (2010). Páxinas 39-40.
  18. Debusscher, G.; Callataÿ, F. (2016). Páxinas 56-57.
  19. Duvosquel, J. M. (2009). Páxina 128.
  20. Reynhout, L. (2008). Páxina 174.
  21. Duvosquel, J. M. (2008). Páxina 508.
  22. "Bibliographie de Pierre Cockshaw". En Debusscher, G.; Callataÿ, F. (2010). Páxinas 42-46.
  23. "Pierre Cockshaw, 65 ans. Biobibliographie du conservateur en chef de la Bibliothèque royale de Belgique". En Daelemans, F.; Vanderpijpen, W. (2003). Páxinas 13-28.
  24. "Cockshaw, Pierre (1938-2008)". Persee.fr

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Bar, M. (2008). "Pierre Cockshaw (Bruxelles 1938-2008)". En Bulletin du Cercle d’études numismatiques. Vol. 45. Nº 1. Páxina 27.
  • Callataÿ, F. (2008). "Pierre Cockshaw". En Revue belge de Numismatique. 154. Páxinas 272-273.
  • Daelemans, F.; Vanderpijpen, W. Le patrimoine historique de la Bibliothèque royale de Belgique. Nouvelles perspectives. Un hommage à Pierre Cockshaw., Bibliothèque royale de Belgique, Bruxelas.
  • Debusscher, G.; Callataÿ, F. (2010). "Pierre Cockshaw". En Académie royale de Belgique. Annuaire. Vol. 2010. Académie royale de Belgique. Páxinas 27-50.
  • Debusscher, G.; Callataÿ, F. (2016). "Pierre Cockshaw". En Nouvelle biographie nationale. Tomo 13. Páxinas 54-57.
  • Duvosquel, J. M. (2008). "En souvenir de  Pierre Cockshaw (1938-2008)". En Bulletin de la Commission royale d'Histoire. 174. Páxinas 508-509.
  • Duvosquel, J. M. (2009). "Pierre Cockshaw". En Bulletin de la Commission royale d'Histoire. 175. Páxinas 125-128.
  • Duvosquel, J. M. et al (eds.) (2009). Miscellanea in memoriam Pierre Cockshaw (1938-2008). Aspects de la vie culturelle dans les Pays-Bas méridionaux (XIVe -XVIIIe siècle). Archives et Bibliothèques de Belgique, Bruxelles.
  • Reynhout, L. (2008). "Pierre Cockshaw". En Gazette du livre médiéval. 52-53. Páxinas 174-175.
  • Vanrie, A. (2008). "Hommage à Pierre Cockshaw, vice-président d’ABB (1938-2008)". En Archives et Bibliothèques de Belgique. Vol. 79. Páxinas 11-12.
Predecesor:
Hubert Frère
Presidente da
Sociedade Real de Numismática de Bélxica

1999 - 2005
Sucesor:
Raf van Laere