Roberto Losada , a enciclopedia libre
Roberto Losada Rodríguez, coñecido como Chino Losada, nado en Vigo o 25 de outubro de 1976, é un ex futbolista e actual adestrador de fútbol galego, que dende 2021 adestra o Eastern SC, da Premier League de Hong Kong. Xogaba de dianteiro e disputou máis de 500 partidos oficiais ao longo de 24 anos de carreira como futbolista. Formado na canteira do Real Oviedo, debutou co primeiro equipo en 1995 e xogou 113 partidos na Primeira División entre o propio Oviedo, o Mallorca e o Valladolid. Despois de tres tempadas no Lugo en 2010 marchou a Hong Kong, onde destacou nas filas do Kitchee, co que gañou varios títulos, entre eles dúas ligas, e foi elixido Xogador do Ano en Hong Kong na tempada 2010/11. Retirouse en 2018, despois de vestir tamén en Hong Kong as camisetas do Resources Capital e o Double Flower.
![]() ![]() | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 25 de outubro de 1976 ![]() Vigo, España ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 1995 ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Dianteiro ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Como adestrador do Eastern gañou dúas veces a FA Cup e unha vez a Senior Shield, e foi elixido mellor adestrador de Hong Kong durante tres campañas consecutivas entre 2022 e 2025.
Traxectoria
editarComo futbolista
editarComezos
editarNacido en Vigo, estudou no Colexio Pereiró, onde comezou a xogar ao fútbol, antes de ingresar no Sárdoma, onde axiña comezou a destacar.[1] Habitual nas convocatorias das categorías inferiores da selección galega, chamou a atención do Oviedo, a cuxa canteira se incorporou en 1994 tras rexeitar unha oferta do equipo xuvenil do Celta de Vigo.[1]
Oviedo
editarNa segunda metade da tempada 1994/95 debutou na Segunda División B co Oviedo B e sumou 4 goles en 12 partidos, pero non puido evitar o descenso do equipo a Terceira. O 3 de setembro de 1995 debutou co primeiro equipo do Oviedo na Primeira División, no partido da primeira xornada da tempada 1995/96 ante o Real Zaragoza na antiga Romareda, encontro no que substituíu no minuto 78 a Paco Sanz.[2] Ao longo da tempada compaxinou o filial co primeiro equipo, disputando un total de 16 encontros co equipo principal. A pesar de contar con só dúas titularidades no equipo de Iván Brzić, asinou tres goles en Primeira, o primeiro deles nun mesmo partido ante o Valladolid en Zorrilla. Co filial asinou esa campaña 6 goles en 12 partidos na liga, así como catro tantos máis na promoción, contribuíndo así ao ascenso á Segunda B.
Na tempada 1996/97 apenas tivo oportunidades no primeiro equipo, dirixido por Juanma Lillo, pero foi titular indiscutible no filial, onde se revelou como un dos mellores dianteiros da categoría, ao anotar 16 goles en 31 partidos. A chegada do uruguaio Tavárez ao banco do primeiro equipo non mudou a súa situación persoal e cando este foi substituído por Fernando Vázquez, o adestrador galego recomendoulle saír cedido a un equipo de Segunda en busca de máis minutos.[1]
Cesión ao Toledo
editarAsí, na campaña 1998/99 xogou cedido no Toledo, equipo que dirixía Gregorio Manzano. Alí formou unha prolífica dupla goleadora con Quini, levando o equipo ata a sétima praza da categoría de prata, o segundo mellor resultado na historia do club.
Regreso a Oviedo
editarNa 1999/00 regresou ao Oviedo, xa como membro a todos os efectos do primeiro equipo. Ás ordes de Luis Aragonés, disputou un total de 39 partidos, 35 deles como titular, e foi o segundo máximo goleador do equipo con 7 dianas, superado só polas 11 do panameño Dely Valdés. Na seguinte tempada contou coa confianza absoluta de Radomir Antić que o aliñou como titular nos primeiros 16 partidos de liga, pero a súa ascendente traxectoria viuse truncada o 20 de decembro de 2000, nun partido contra o Deportivo da Coruña en Riazor, no que un choque fortuíto contra o gardameta Molina lle provocou unha fractura de tibia e peroné.[3][1]
Mallorca
editarA pesar da gravidade da lesión, que o mantivo afastado dos terreos de xogo durante máis dun ano (período no que o Oviedo baixou a Segunda), en novembro de 2001, na fase final da súa recuperación, foi incorporado polo Mallorca, da Primeira División.[4] Non puido xogar co conxunto de Sergije Krešić ata xaneiro, pero reapareceu a bo nivel, marcando catro goles nos seus primeiros cinco partidos.
Volta a Oviedo
editarA continuación regresou a Oviedo e disputou a fatídica tempada 2002/03, na que o club asturiano descendeu deportivamente ata a Segunda División B, e a continuación foi descendido administrativamente ata Terceira por mor das débedas.[5] Pechou o seu paso polo Oviedo cun total de 111 partidos e 18 goles.
Valladolid
editarNo verán de 2003 fichou polo Real Valladolid,[6] co que marcou 8 goles en 31 partidos, o que foi insuficiente para salvar o equipo do descenso á Segunda División. Militou dúas campañas e media máis no club valisoletano, sumando 80 partidos e 14 goles. Na tempada 2006/07 non contou coa confianza do adestrador Mendilibar, polo que deixou o club en xaneiro, poñendo rumbo ao Las Palmas.[7]
Cesión á UD Las Palmas
editarNo club canario xogou 17 partidos ata o final da tempada, 9 deles como titular, e non conseguiu ver portería.
Lugo
editarNo verán de 2007 regresou ao fútbol galego despois de 13 anos fóra, asinando como novo xogador do Lugo, da Segunda B.[8] Militou tres anos no club lucense, todos na categoría de bronce, rendendo a un bo nivel.[9] Xogou un total de 96 partidos, 80 deles como titular, e marcou 21 goles.
Kitchee
editarEn 2010 puxo rumbo cara a Hong Kong para fichar polo Kitchee SC, da Primeira División de Hong Kong, onde coincidiu co tamén galego Dani Cancela.[10] Na súa primeira tempada no fútbol asiático, ás ordes do catalán Josep Gombau, o Kitchee proclamouse campión de liga 47 anos despois do último título, e Losada foi elixido Xogador do Ano en Hong Kong.[10][11] Convertido nun ídolo de masas na rexión,[12] na seguinte campaña foi nomeado capitán do Kitchee. Foi o máximo goleador do seu equipo, co que revalidou o título de liga e sumou ademais a Copa da Liga.
O 26 de maio de 2012 disputou o seu derradeiro partido oficial co Kitchee, na final da FA Cup contra o Pegasus no estadio Mong Kok. Comezou o partido dende o banco de suplentes e tras saltar ao terreo de xogo como substituto do tamén vigués Yago González, marcou no último minuto da prórroga o gol que forzaba a quenda de penaltis. Nesta anotou o primeiro dos lanzamentos, contribuíndo á vitoria final do seu equipo, que gañou así o terceiro título da tempada. Uns meses despois vestiu por última vez a camiseta do club, nun partido amigable contra o Arsenal inglés no que foi homenaxeado diante de 40.000 persoas no estadio Hong Kong.[12]
Últimos anos
editarTrala súa despedida como futbolista do Kitchee, continuou vencellado ao club como parte do corpo técnico, ao tempo que fichou como xogador polo Resources Capital, co que xogou durante os seguintes cinco anos, os primeiros deles na Segunda División, e logo na Primeira División trala introdución da Premier League no sistema futbolístico do país. Na tempada 2017/18 militou no Double Flower, tamén da Primeira División, e a continuación colgou as botas.
Selección galega
editarO 29 de decembro de 2005 foi o dianteiro titular da recuperada selección galega no histórico partido ante o Uruguai no estadio de San Lázaro, e repetiu convocatorias en 2006 e 2008, ante Ecuador e Irán respectivamente.[13]
Como adestrador
editarEntre 2012 e 2020 traballou no corpo técnico do Kitchee, como asistente de Josep Gombau e dos seguintes adestradores que pasaron polo banco do club, entre eles José Francisco Molina, contra o que batera unha década e media antes nunha acción que estivera a piques de retiralo do fútbol.[14] No ano 2020 pasou ao Eastern, como axudante de Lee Chi Kin, e ao ano seguinte fíxose cargo el mesmo do equipo. Gañou a FA Cup nas tempadas 2023/24 e 2024/25 e a Senior Shield na 2024/25, e foi elixido mellor adestrador de Hong Kong durante tres campañas consecutivas.
Palmarés
editarXogador
editar- Valladolid
- Segunda División (1): 2006/07.
- Kitchee
- Primeira División (2): 2010/11, 2011/12.
- FA Cup (1): 2011/12.
- Copa da Liga (1): 2011/12.
- Individual
- Futbolista do Ano en Hong Kong (1): 2010/11.
Adestrador
editar- Eastern
- FA Cup (2): 2023/24, 2024/25.
- Senior Shield (1): 2024/25.
- Individual
- Adestrador do Ano en Hong Kong (3): 2022/23, 2023/24, 2024/25.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Gómez, Pablo (30 de xaneiro de 2002). "«A ver si descolocamos al Celta como al Alavés»". La Voz de Galicia (en castelán). p. 39.
- ↑ "Zaragoza - Oviedo". BDFutbol (en castelán). Consultado o 21 de xuño de 2025.
- ↑ "Losada: "Estoy en deuda con el Mallorca por ficharme lesionado"". As (en castelán). 16 de novembro de 2001. Consultado o 21 de xuño de 2025.
- ↑ "El Mallorca ficha al «Chino» Losada, del Oviedo". La Voz de Galicia (en castelán). 16 de novembro de 2001. p. 41.
- ↑ "Las deudas llevan al Oviedo a Tercera División". El Mundo (en castelán). 2 de agosto de 2003. Consultado o 21 de xuño de 2025.
- ↑ ""El Chino" Losada al Pucela" (en castelán). 1 de agosto de 2003. Consultado o 21 de xuño de 2025.
- ↑ "Losada: "Vengo a la UD Las Palmas para volver a sentirme futbolista"" (en castelán). 19 de xaneiro de 2007. Consultado o 21 de xuño de 2025.
- ↑ "El Lugo arranca hoy la Liga con la visita del Alcorcón". La Voz de Galicia (en castelán). 26 de agosto de 2007. p. 45.
- ↑ De Dios, Marta (2 de xullo de 2015). "El recurso de los mediáticos del Lugo". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 21 de xuño de 2025.
- ↑ 10,0 10,1 "El Chino era más que un apodo". La Voz de Galicia (en castelán). 19 de decembro de 2013. Consultado o 23 de xuño de 2025.
- ↑ Gómez, Pablo (9 de maio de 1911). "Galicia hace historia en Hong Kong". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 23 de xuño de 2025.
- ↑ 12,0 12,1 Gómez, Pablo (6 de agosto de 2012). "Hong Kong despide a su ídolo". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 23 de xuño de 2025.
- ↑ "El Lugo envía por primera vez un jugador a la selección gallega". El Progreso (en castelán). 17 de decembro de 2008. Consultado o 23 de xuño de 2025.
- ↑ "La aventura asiática de José Francisco Molina" (en castelán). 25 de febreiro de 2015. Consultado o 23 de xuño de 2025.