Saladino , a enciclopedia libre
Ṣalāḥ ad-Dīn Yūsuf ibn Ayyūb (árabe: صلاح الدين يوسف بن أيوب; kurdo: سهلاحهدین ئهیوبی , Selahedînê Eyûbî), máis coñecido en occidente como Saladino,[1] nado en Tikrit en 1138 e finado en 1193 en Damasco, foi un dos grandes gobernantes do mundo islámico, sendo o primeiro sultán de Exipto e Siria, e incluíndo nos seus dominios partes dos estados cruzados, Mesopotamia, Iemen, Hiyaz e Libia.[2] Con el comezou a dinastía aiúbida, que gobernaría Exipto e Siria tras a súa morte. Proveniente dunha familia kurda, Saladino foi unha figura importante na terceira cruzada, na que liderou os esforzos militares musulmáns en contra dos estados cruzados no Levante. Nestas guerras contra os cruzados cristiáns, Saladino alcanzou unha enorme vitoria coa captura de Xerusalén (2 de outubro de 1187), pondo fin desta maneira a case nove décadas de ocupación dos francos.[3]
Defensor do islam e particularmente da ortodoxia relixiosa representada polo sunnismo, unificou política e relixiosamente o Oriente Próximo ao combater e liderar a loita contra os cristiáns cruzados e acabar con doutrinas afastadas do culto oficial musulmán que representaba o califato abbásida. É particularmente coñecido por vencer na batalla de Hattin aos cruzados, tras o cal volveu ocupar Xerusalén para os musulmáns e tomou Terra Santa. O impacto deste acontecemento en Occidente provocou a terceira cruzada, liderada por Ricardo I de Inglaterra, que se converteu en mítica tanto para cristiáns como para musulmáns.
Xunto co seu tío Shirku, xeneral da dinastía zenguí, Saladino foi enviado ao Exipto fatimí en 1164, por ordes do gobernante zenguí Nur al-Din, co propósito orixinal de axudar a restaurar a Shawar como visir do califa adolescente fatimí al-Adid. Con todo, cando Shawar retornou ao cargo de visir estalou unha loita polo poder entre este e Shirku. Saladino, namentres, escalou posicións dentro do goberno fatimí grazas ás súas vitorias militares contra asaltos cruzados, ademais da súa proximidade persoal con al-Adid. Despois do asasinato de Shawar e da morte de Shirkuh en 1169, al-Adid nomeou a Saladino visir. Durante o seu tempo no cargo, Saladino, un musulmán sunnita, empezou a socavar o establecemento fatimí, e tras a morte da al-Adid en 1171, procedeu a abolir o califato fatimí xiíta ismailí centrado no Cairo, e realineou a Exipto co califato abbásida centrado en Bagdad.
Nos anos seguintes, Saladino liderou incursións contra os cruzados en Palestina, encargou a exitosa conquista do Iemen e evitou rebelións prol fatimíes en Exipto. Pouco despois da morte de Nur al-Din en 1174, Saladino lanzou a súa conquista de Siria e entrou pacíficamente en Damasco a petición do seu gobernador. A mediados de 1175, Saladino conquistara Hama e Homs, provocando a animosidade doutros señores zenguís, que eran os gobernantes oficiais dos principados de Siria. Posteriormente derrotou aos zenguís na batalla dos Cornos de Hama en 1175, e foi logo proclamado "Sultán de Exipto e Siria" polo califa abasí al-Mustadí. Saladino lanzou novas conquistas no norte de Siria e a Alta Mesopotamia, escapando de dous atentados contra a súa vida por parte dos Asasinos, antes de regresar a Exipto en 1177 para lidar alí cos problemas locais. Para 1182, Saladino completara a conquista da Siria islámica despois de capturar Alepo, aínda que non logrou apoderarse da fortaleza zenguí en Mosul.
Baixo o mando de Saladino, o exército aiubí derrotou aos cruzados na decisiva batalla dos Cornos de Hattin en 1187, capturando Xerusalén e restablecendo o dominio militar musulmán no Levante. Aínda que o Reino de Xerusalén dos cruzados persistiu até finais do século XIII, a derrota en 1187 marcou un punto de inflexión no esforzo militar cristián contra as potencias musulmás na rexión. Saladino morreu en Damasco en 1193, despois de doar gran parte da súa riqueza persoal aos seus súbditos. A súa fama transcendeu o temporal e converteuse nun símbolo de caballerosidade medieval, mesmo para os seus inimigos. Está enterrado nun mausoleo adxacente á Mesquita dos Omeias. Ademais da súa importancia para a cultura e relixión musulmás, Saladino é venerado de maneira destacada nas culturas kurda, túrquica e árabe. Con frecuencia describíuselle como a figura kurda máis famosa da historia.
Traxectoria
editarPrimeiros anos
editarSaladino naceu en Tikrit,(na provincia actualmente chamada Salah ad Din no seu honor) no actual Iraq. O seu nome persoal era "Yusuf"; "Salah ad-Din" é un laqab , un epíteto honorífico que significa "Xustiza da Fe".[4] A súa familia era de ascendencia kurda, [5][6][7][8][9] e era orixinaria da aldea de Ajdanakan[6] preto da cidade de Dvin, no centro de Armenia.[10][11] Era fillo dun mercenario kurdo, Najm ad-Din Ayyub.[12] A tribo Rawadiya da que procedía fora parcialmente asimilada ao mundo de fala árabe nese momento[13]
Na época de Saladino, ningún erudito tiña máis influencia que o xeque Abdul Qadir Gilani, e Saladino recibiu unha forte influencia e axuda del e dos seus alumnos.[14][15] En 1132, o exército derrotado de Zengi, o atabeg de Mosul, atopouse con que a súa retirada estaba bloqueada polo río Tigris fronte á fortaleza de Tikrit, onde o pai de Saladino, Najm ad-Din Ayyub, exercía de gardián. Ayyub proporcionou barcas ao exército e deulles refuxio en Tikrit. Mujahid ad-Din Bihruz, un antigo escravo grego que fora nomeado gobernador militar do norte de Mesopotamia polos seus servizos ao selxúcidas, reprendeu a Ayyub por dar refuxio a Zengi e, en 1137, expulsouno de Tikrit despois de que o seu irmán Asade ad-Din Shirkuh matase a un amigo de Bihruz. Segundo Baha ad-Din ibn Shaddad, Saladino naceu a mesma noite en que a súa familia abandonou Tikrit. En 1139, Ayyub e a súa familia trasladáronse a Mosul, onde Imad ad-Din Zengi recoñeceu a súa débeda e nomeou a Ayyub comandante da súa fortaleza en Baalbek. Tras a morte de Zengi en 1146, o seu fillo, Nur ad-Din, converteuse en rexente de Alepo e líder dos zengidas.[16]
Saladino, que agora vivía en Damasco, era, segundo dise, moi afeccionado á cidade, pero a información sobre a súa infancia é escasa.[16] Sobre a educación, Saladino escribiu: «Os nenos son educados da mesma maneira que foron educados os seus maiores». Segundo os seus biógrafos, Anne-Marie Eddé[17] e al-Wahrani, Saladino era capaz de responder preguntas sobre Euclides, o Almaxesto, aritmética e dereito, pero tratábase dun ideal académico. Foi o seu coñecemento do Corán e as «ciencias da relixión» o que o vinculou cos seus contemporáneos;[18] varias fontes afirman que durante os seus estudos estaba máis interesado nos estudos relixiosos que en alistarse no exército.[19] Outro factor que podía influír no seu interese pola relixión foi que, durante a primeira cruzada, Xerusalén foi conquistada polos cristiáns.[19] Ademais do islam, Saladino coñecía as xenealoxías, biografías e historias dos árabes, así como as liñaxes dos cabalos árabes. Máis significativo aínda, sabíase de memoria o Hamasah do poeta Abu Tammam.[18] Falaba kurdo e árabe, e sabía turco e persa.[20][21]
Personalidade e inclinacións relixiosas
editarSegundo Baha ad-Din ibn Shaddad (un dos biógrafos contemporáneos de Saladino), Saladino era un musulmán piadoso: encantáballe escoitar recitacións do Corán, rezaba puntualmente e "odiaba aos filósofos, a aqueles que negaban os atributos de Deus, aos materialistas e a quen rexeitaban obstinadamente a lei sacra".[24] Tamén era partidario do sufismo e mecenas das khanqahs (albergues sufíes) en Exipto e Siria, ademais das madrasas que impartían ensinos do sunismo ortodoxo.[25][24] Por encima de todo, era un devoto da xihad:[26]
As obras sacras [o Corán, os hadices, etc.] están cheas de pasaxes que fan referencia á xihad. Saladino era máis asiduo e fervente nisto que en calquera outra cousa... A xihad e o sufrimento que levaba pesaban moito no seu corazón e en todo o seu ser; non falaba doutra cousa, só pensaba no equipamento para a loita, só interesábase por aqueles que tomaran as armas e sentía pouca simpatía por calquera que falase doutra cousa ou fomentase calquera outra actividade.
En 1174, Saladino ordenou o arresto dun místico sufí, Qadid al-Qaffas (قديد القفاص), en Alexandria.[24] En 1191, ordenou ao seu fillo que executase en Alepo ao filósofo sufí Yahya al-Suhrawardi, fundador da corrente iluminacionista da filosofía islámica. Ibn Shaddad, que describe este suceso no capítulo dedicado á piedade do sultán, afirma que Al-Suhrawardi "rexeitou a Lei Sacra e declarouna inválida". Tras consultar con algúns dos “ulema” (eruditos relixiosos), Saladino ordenou a execución de al-Suhrawardi.[24] Saladino tamén se opuxo á Orde dos Asasinos, unha seita extremista ismailí xiíta de Irán e Siria, á que consideraba herética e demasiado próxima aos cruzados.[24]
Saladino acolleu aos sufíes asiáticos en Exipto e el e os seus seguidores fundaron e equiparón numerosas khanqahs e zauías, das que al-Maqrizi ofrece unha longa lista.[27] Pero aínda non está claro cales eran realmente os intereses de Saladino nas khanqahs e por que quería especificamente sufíes de fóra de Exipto. As respostas a estas preguntas atópanse no tipo de sufíes que desexaba atraer. Ademais de esixir que os sufíes procedesen de fóra de Exipto, a waqfiyya[28] parece especificar que fosen dun tipo moi concreto:[29]
Os habitantes das khanqahs eran coñecidos polos seus coñecementos relixiosos e a súa piedade, e a súa baraka (bendición) era moi apreciada... O fundador estipulou que as khanqahs equiparasen aos sufíes como grupo, tanto aos que viñesen do estranxeiro e se establecesen no Cairo e Fustat. Se non se atopaban, sería para os xuristas pobres, xa fosen shafi'i ou maliki, e ash'ari no seu credo.
Primeiras expedicións
editarNamentres, Exipto estaba nun período de inestabilidade. Nos momentos finais do Califato fatimí o país estaba en crise, ameazado polos cruzados, que ocuparan Ascalón e ameazaban a fronteira aliados cos bizantinos, así como en guerra civil polos diversos aspirantes ó cargo de visir.
A carreira militar de Saladino comezou baixo a tutela do seu tío paterno Asad ad-Din Shirkuh, un destacado comandante militar ao servizo de Nur ad-Din, emir zengida de Damasco e Alepo e o mestre máis influente de Saladino. En 1163, o visir do califa al-Adid da dinastía fatimí, Shawar, foi expulsado de Exipto polo seu rival Dirgham, membro da poderosa tribo Banu Ruzzaik. Este pediu apoio militar a Nur ad-Din, quen accedeu e, en 1164, enviou a Shirkuh para axudar a Shawar na súa expedición contra Dirgham. Saladino, á idade de 26 anos, acompañounos.[34] Despois de que Shawar fose reinstaurado con éxito como visir, esixiu a Shirkuh que retirase o seu exército de Exipto a cambio dunha suma de 30 000 dinares de ouro, pero este negouse, insistindo en que era vontade de Nur ad-Din que permanecese alí. O papel de Saladino nesta expedición foi secundario, e sábese que Shirkuh ordenoulle recoller provisións en Bilbais antes do seu asedio por unha forza combinada de cruzados e as tropas de Shawar.[35]
Tras o saqueo de Bilbais, as forzas cruzadas e exipcias e o exército de Shirkuh enfrontáronse na batalla da al-Babein, na fronteira desértica do Nilo, ao oeste de Gizeh. Saladino desempeñou un papel importante, ao mando da á dereita do exército zengida, mentres que unha forza de kurdos comandaba a á esquerda e Shirkuh situouse no centro. Con todo, as fontes musulmás da época sitúan a Saladino na "retagarda do centro", con ordes de atraer ao inimigo a unha trampa mediante unha retirada finxida. As forzas cruzadas obtiveron un éxito inicial contra as tropas de Shirkuh, pero o terreo era demasiado escarpado e areoso para os seus cabalos, e o comandante Hugo de Cesarea foi capturado mentres atacaba a unidade de Saladino. Tras combates dispersos en pequenos vales ao sur da posición principal, a forza central zengida volveu á ofensiva e Saladino uniuse a ela desde a retagarda[36]
A batalla terminou coa vitoria dos zengidas, e atribúese a Saladino axudar a Shirkuh nunha das "vitorias máis notables da historia", segundo Ibn al-Athir, aínda que morreron máis homes de Shirkuh e a maioría das fontes non consideran que a batalla fose unha vitoria total. Saladino e Shirkuh dirixíronse cara a Alexandría, onde foron recibidos con diñeiro, armas e unha base.[37] Ante unha forza superior de cruzados e exipcios que tentaba cercar a cidade, Shirkuh dividiu o seu exército. El e a maior parte das súas forzas retiráronse de Alexandría, mentres que Saladino quedou coa tarefa de defender a cidade, onde foi asediado.[38]
En Exipto
editarVisir de Exipto
editarCara a 1169 Shirkuh controlaba o país, actuando en parte como primeiro ministro do califa fatimita de Exipto en parte como gobernador e representante do sultán sirio. Nese mesmo ano morría o xeneral, sendo substituído no posto polo seu sobriño, Saladino.
A tentativa do rei de Xerusalén Amalrico II de invadir Exipto co apoio da frota bizantina foi contida no peirao de Damieta, afastando o perigo inmediato dunha conquista cristiá.
Saladino reformou a administración do país, abolindo impostos e reducindo o desmesurado funcionariado, reorganizou o exército, composto ata entón por mercenarios do Magreb que foron substituídos por tropas kurdas e turcomás, e impuxo a súa autoridade sobre o país. A doenza de Al-Adid, o derradeiro califa fatimí, impediu a este continuar controlando as mesquitas exipcias, nas que se comezou a orar polo califa abbasí. A súa morte en 1171 supuxo a reintegración definitiva do culto en Exipto á corrente sunní, maioritaria no islam, durante a ocupación e mando de Saladino. Isto serviu para realzar o seu prestixio dentro da comunidade islámica, que estaba aínda moi afectada pola caída da cidade santa de Xerusalén no poder dos cruzados en 1099.
Saladino ampliou tamén as súas fronteiras, conquistando a costa libia, o norte do Sudán e o Iemen coa escusa de restaurar a ortodoxia relixiosa (estes territorios estaban fóra do liderado espiritual do Califato Abbasí, sendo para a súa doutrina herexes). Saladino tamén tomou os portos e posicións cruzadas no Mar Vermello, asegurando a súa posición contra os estados cristiáns.
Trala morte de Al-Adid era en teoría un vasalo de Nur al-Din mais na práctica era o gobernador de facto de Exipto: recoñecía a autoridade do sultán de Siria, mais gozaba de total independencia no seu goberno de Exipto, debido á distancia entre Damasco e O Cairo, separadas por estados gobernados polos cruzados europeos.
Sultán de Siria
editarÁ morte de Nur al-Din en 1174 os seus dominios deberían pasar ó seu fillo As-Salih Ismail al-Malik. Porén o herdeiro era un neno, que tardaría anos en controlar e imporse en Siria, o que fixo que numerosas potencias tratasen de aproveitar a situación, entre elas, Saladino.
Este ocupou Damasco e con iso Siria do Sur, so a escusa de asegurar estas terras ó seu lexítimo dono, pois estaban ameazadas polo Reino de Xerusalén. Porén, practicou unha política hostil a as-Salih Ismail al-Malik, arrebatándolle unha a unha as prazas do norte, ata que só lle quedou Alepo. Chegou incluso a asediar esta cidade infrutuosamente. No transcurso do sitio, sufriu un intento de asasinato por parte da seita dos asasinos, librándose por levar unha cota de malla baixo as súas roupas.
Entrementres, mantivo unha actitude agresiva contra os estados cruzados, realizándose como era habitual dende a primeira cruzada, incursións e asaltos. En 1177, unha invasión de Saladino, que atacaba dende o sur, foi desarticulada na batalla de Montgisart.
Dous anos despois, un ataque a unha fortaleza que os cristiáns estaban construíndo na ribeira do río Xordán deulle a primeira gran vitoria (batalla do vado de Xacob) na súa campaña por expulsar os francos de ultramar.
Tras morrer o herdeiro de Nur al-Din sen descendencia en 1181, Saladino foi nomeado nominalmente (xa o era de facto) sultán de Siria e Exipto.
Líder do islam
editarTras afianzarse como señor de Siria, Saladino manobrou contra os príncipes da dinastía Zengida que gobernaban en Mesopotamia (o norte do actual Iraq). Estes eran descendentes de Zengi, e sobriños de Nur al-Din cuxo imperio abarcara algunhas provincias fronteirizas na rexión.
Saladino recuperou as terras fronteirizas, e expandiu o seu dominio máis alá aínda. É de destacar a anexión de Edesa. Tras varias campañas en Mesopotamia conseguiu a submisión do príncipe de Mosul en 1186, cuxa cidade chegou a sitiar sen éxito en 1182, que se converteu no seu vasalo, comprometendose a colaborar na súa "xihad".
Notas e referencias
editar- ↑ "Saladino". Diciopedia do século 21 3. Edicións do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 1856.
- ↑ The Columbia Encyclopedia, 6.ª edición. 2001-05 Columbia University Press. [1]
- ↑ "Saladin | Biography, Achievements, Crusades, & Facts | Britannica". www.britannica.com (en inglés). 2024-09-13. Consultado o 20 de xullo do 2025.
- ↑ H. A. R. Gibb, "The Rise of Saladin", in A History of the Crusades, vol. 1: The First Hundred Years, ed. Kenneth M. Setton (University of Wisconsin Press, 1969). p. 563.
- ↑ The medieval historian Ibn Athir relates a passage from another commander: "...both you and Saladin are Kurds and you will not let power pass into the hands of the Turks." Minorsky (1957): [cómpre nº de páxina]
- ↑ 6,0 6,1 Lane-Poole 1906, p. 4.
- ↑ The biographer Ibn Khallikan wrote, "Historians agree in stating that [Saladin's] father and family belonged to Duwin. ... They were Kurds and belonged to the Rawādiya [sic], which is a branch of the great tribe al-Hadāniya": Minorsky (1953), p. 124.
- ↑ Humphreys, R. Stephen (1977). From Saladin to the Mongols: The Ayyubids of Damascus, 1193–1260. State University of New York Press. p. 29. ISBN 0-87395-263-4.
Entre os emires libres, os kurdos parecían ser os máis dependentes do éxito de Saladino para o progreso da súa propia fortuna. Á fin e ao cabo, el tamén era kurdo...
- ↑ "Saladin". Encyclopædia Britannica. 7 April 2023.
Saladin was born into a prominent Kurdish family.
- ↑ Baha ad-Din 2002, p. 17.
- ↑ Ter-Ghevondyan 1965, p. 218.
- ↑ Morton, Nicholas (2020). The Crusader States and Their Neighbours: A Military History, 1099–1187 (en inglés). Oxford University Press. p. 163. ISBN 978-0-19-882454-1.
- ↑ Tabbaa 1997, p. 31.
- ↑ 'Abd al-Qadir al-Jilani (20 de xaneiro de 2019). Jamal ad-Din Faleh al-Kilani, ed. "Futuh al-Ghayb ("Revelations of the Unseen")" (en árabe).
وقد تأثر به القائد صلاح الدين الأيوبي، والشيخ معين الدين الجشتي، والشيخ شهاب الدين عمر السهروردي رحمهم الله (Influíu no líder Salah al-Din al-Ayyubi, no xeque Muin al-Din al-Jishti e no xeque Shihab al-Din Omar al-Suhrawardi, que Deus teña piedade deles.)
- ↑ Azzam, Abdul Rahman (2009). Saladin (en inglés). Pearson Longman. p. 48. ISBN 978-1-4058-0736-4.
- ↑ 16,0 16,1 Lyons & Jackson 1982, p. 3.
- ↑ Eddé 2011.
- ↑ 18,0 18,1 Lyons & Jackson 1982.
- ↑ 19,0 19,1 "Who2 Biography: Saladin, Sultan / Military Leader". Answers.com. Consultado o 22 de xullo do 2025.
- ↑ Chase 1998, p. 809.
- ↑ Şeşen 2009, p. 440.
- ↑ "acsearch.info – Auction research". acsearch.info. Consultado o 22 de xullo do 2025.
- ↑ "Copper alloy dirham of Saladin, Nisibin, 578 H.". numismatics.org (en inglés). American Numismatic Society.
- ↑ 24,0 24,1 24,2 24,3 24,4 Caldwell Ames, Christine (2015). Medieval Heresies. Cambridge University Press. p. 171. ISBN 978-1107023369.
- ↑ Michael Haag (2012). The Tragedy of the Templars: The Rise and Fall of the Crusader States. Profile Books. p. 158. ISBN 978-1847658548.
Como alternativa ortodoxa pero esotérica ao ismailismo, Saladino fomentou o sufismo e construíu khanqahs, é dicir, albergues sufíes, e tamén introduciu as madrasas, escolas teolóxicas que promovían a versión aceptable da fe. Construíronse numerosas khanqahs e madrasas no Cairo e Exipto nun esforzo de Saladino por combater e suprimir o que el consideraba a herexía ismaelita.
- ↑ Arab Historians of the Crusades. University of California Press. 1984. pp. 99–100. ISBN 9780520052246.
- ↑ J. Spencer Trimingham]] (1998). The Sufi Orders in Islam. Oxford University Press. p. 17. ISBN 978-0198028239.
- ↑ O waqf é unha doazón relixiosa inalienable no Islam, tipicamente un edificio ou terras ofrecidas, en usufructo a perpetuidade, por unha persoa a relixiosos musulmáns ou para obras de utilidade pública ou caritativa.
- ↑ Nathan Hofer (2015). The Popularisation of Sufism in Ayyubid and Mamluk Egypt, 1173–1325. Edinburgh University Press. p. 44. ISBN 978-0748694228.
- ↑ Behrens-Abouseif, Doris (2024). "Chapter 12: Mamluk Dress between Text and Image". Dress and Dress Code in Medieval Cairo: A Mamluk Obsession. pp. 172–173. ISBN 9789004684980. doi:10.1163/9789004684980_013.
- ↑ Contadini, Anna (1998). Poetry on Enamelled Glass: The Palmer Cup in the British Museum.' In: Ward, R, (ed.), Gilded and Enamelled Glass from the Middle East. British Museum Press. pp. 58–59.
- ↑ Contadini, Anna (2017). Text and Image on Middle Eastern Objects: The Palmer Cup in Context (in A Rothschild Renaissance: A New Look at the Waddesdon Bequest in the British Museum). British Museum Research Publications. p. 130.
A iconografía das súas figuras é moi similar á da Copa Palmer, tanto no deseño das súas túnicas como nos tocados (sharbūsh) e na forma en que se representan as figuras camiñando, cunha perna recta e a outra lixeiramente flexionada, e un pé delgado lixeiramente levantado do solo. Aínda que o candelabro non ten data, pódese datar con seguridade a principios do século XIII, xa que pertence claramente a un grupo de obxectos de metalistería que se estableceu como propio dese período e procedente da zona de Mosul ou do norte de Xazira. Estes elementos tamén confirman a datación de principios do século XIII da Copa Palmer e apoian aínda máis a rexión de procedencia.
- ↑ Contadini, Anna (2010). Arab Painting: Text and Image in Illustrated Arabic Manuscripts (en inglés). Brill. p. 11. ISBN 978-90-04-18630-9.
Un exemplo disto é o vaso esmaltado aiubí coñecido como a Copa Palmer.
- ↑ Lyons & Jackson 1982, pp. 6–7.
- ↑ Lyons & Jackson 1982, p. 8.
- ↑ Lyons & Jackson 1982, p. 14.
- ↑ Lyons & Jackson 1982, p. 15.
- ↑ Lyons & Jackson 1982, p. 16.
- ↑ NIcolle, David (2016). "The Iconography of a Military Elite (Part II)" (PDF). Mamluk Studies Review XIX. pp. 255, photograph 56.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Saladino |
Bibliografía
editar- Bahā' al-Dīn Ibn Shaddād (2002). The Rare and Excellent History of Saladin. Ashgate. ISBN 978-0-7546-3381-5.
- Imad ad-Din al-Isfahani (1888). C. Landberg, ed. Conquête de la Syrie et de la Palestine par Salâh ed-dîn (en French). Brill.
- Bosworth, Clifford (1989). "Mahk-Mid". En Van Donzel, E.; Heinrichs, W. P.; Pellat, Ch. The Encyclopaedia of Islam VI. E. J. Brill. ISBN 90-04-08112-7. Consultado o May 18, 2008.
- Gabrieli, Francesco; Costello, E. J. (1984). Arab historians of the crusades. London: Routledge & Kegan. p. 362. ISBN 978-0-7102-0235-2.
- Gillingham, John (1999). Richard I. Yale English Monarchs. New Haven: Yale University Press. p. 378. ISBN 978-0-300-07912-8.
- Grousset, René (1970). The epic of the Crusades. tr. Lindsay, Noël. New York: Orion Press.
- Lane-Poole, Stanley (1906). Saladin and the Fall of the Kingdom of Jerusalem. Heroes of the Nations. London: G. P. Putnam's Sons.
- Lyons, M. C.; Jackson, D.E.P. (1982). Saladin: the Politics of the Holy War. Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-31739-9.
- Minorsky, Vladimir (1953). Studies in Caucasian history. London: Cambridge University Press.
- Nicolle, David (2011). Saladin: The Background, Strategies, Tactics and Battlefield Experiences of the Greatest Commanders of History. Osprey Publishing. ISBN 1849083177. Arquivado dende o orixinal o 23 de xuño de 2013. Consultado o 10 de maio de 2013.
Ligazóns externas
editar- Stanley Lane-Poole, "The Life of Saladin and the Fall of the Kingdom of Jerusalem" (en inglés)
- Saladin: The Sultan and His Times, 1138–1193 Arquivado 11 de decembro de 2012 en Archive.is (en inglés)